A Mesa convoca o premio empresarial Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer hoxe as bases do Premio Abertos ao Galego, un galardón con que se vai recoñecer cada ano unha empresa que destaque polo uso normal do idioma do país. O presidente da entidade convocante, Carlos Callón, salienta que “a iniciativa xorde da necesidade de lle darmos máis visibilidade social ás empresas que se comprometen cun dos sinais principais da identidade de Galiza”. “Queremos con iso, por unha banda, animar a que máis empresas se sumen á normalización do idioma e, pola outra, convidar a sociedade a que faga un consumo responsábel co galego”, incidiu.

Por iso, “A Mesa vai procurar a implicación da sociedade a través da presentación de candidaturas”, xa que calquera empresa ou particular poderá enviar propostas. Estas deberán remitirse á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A, entresollado A, 15702 Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) cunha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa, xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada. O prazo de presentación finaliza o 2 de maio. Para incentivar a participación, as persoas que remitisen candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego.

O proxecto Abertos ao Galego, que dá nome ao premio, está conformado por un certificado que outorga A Mesa pola Normalización Lingüística, en diferentes niveis, a empresas, comercios, asociacións e entidades de todo tipo que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do idioma propio de Galiza. Así, o  premio, para alén de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora.

BASES DO PREMIO ABERTOS AO GALEGO 2012

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial.

O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución.

Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgaranse de acordo coas seguintes

BASES

1. O Premio Abertos ao Galego concederase anualmente a unha empresa que se distinga no uso normalizado da lingua galega.

2. As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:

- Os membros do xurado poden propor unha ou varias empresas.

- Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A entresollado A, 15702 Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada.

- Todas as empresas que formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.

3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 2 de maio. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiranse candidaturas enviadas até esa data, que se reciban antes da data da reunión do xurado.

4. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e a partir da segunda edición incorporarase ao xurado un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de consumidoras/es e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais…). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.

5. O xurado seleccionará a empresa premiada tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.

6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionarase de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e externamente.

8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística.

9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística (www.amesanl.org) figurará o logotipo da empresa gañadora cada ano.

10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Nova incorporación a Abertos ao Galego: Acouga Quiromasaxe

Hoxe presentámosvos unha nova incorporación a Abertos ao Galego: Acouga Quiromasaxe. Atopamos a Javier, o responsábel de Acouga, dúas rúas por detrás do Concello, nunha das zonas máis tranquilas da cidade da Coruña, a rúa da Nosa Señora do Rosario. Alí Javier trata todo tipo de doenzas musculares como contracturas, distensións, fatiga, sobrecargas, lumbalxias e lumbagos, dores de cabeza e pescozo, problemas de espalda, doenzas articulares e tamén problemas relacionados co estrés, edemas ou retención de líquidos . Nas sesións de masaxe de Acouga aplícanse técnicas de quiromasaxe, osteopatía, drenaxe linfática manual, shiatsu, moxisbustión e refloxoloxía podal, entre outras.

Foto do perfil

Acouga existe desde 2009, pois Javier, despois de formarse durante máis de 5 anos, en diferentes especialidades en terapias manuais decidiu pór en marcha o seu propio negocio. Podedes atopar máis información sobre Acouga aquí: http://www.facebook.com/acouga, pois Javier é moi consciente das posibilidades das redes sociais e de cando en cando oferta aos seus seguidores en Facebook descontos ou pacotes especiais. Na súa páxina, ademais de atopar información de contacto para poder pedir información ou marcar unha cita, podedes ler os consellos sobre saúde que de cando en cando deixa Javier.

 

A respecto da lingua, Javier cóntanos que cando decidiu crear Acouga tivo claro que o galego era a súa carta de presentación. Ademais do nome, toda a publicidade e comunicacións públicas que fai Acouga están en galego e Javier considera que para el é un xeito de distinguirse de outros servizos semellantes aos que el oferta. Entende que proxectos como Abertos ao Galego son necesarios como ferramenta de apoio á lingua galega, ademais de servir para a reflexión dos consumidores sobre o galego como un máis dos factores de escolla dun servizo ou outro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Empresas Abertos ao Galego | Leave a comment

Día de Rosalía de Castro en Aira das Letras

Aira das Letras de Allariz é unha das librarías que participan activamente no día de Rosalía. Informan de que hoxe organizan unha lectura pública dos poemas de Rosalía, e agasallarán aos asistentes un libro en galego. Ademais, quen merque un libro en galego en Aira das Letras os días 24, 25 e 26 de febreiro recibirá unha flor.

Por outra banda, informan de que presentarán o novo libro de Antón Reixa o próximo día 9 de marzo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría as novidades das empresas de Abertos ao Galego | Leave a comment

Presentamos IPR Xestión, que oferta desde hoxe un 20% de desconto a socios e socias da Mesa

IPR Xestión fai todo tipo de servizos relacionados coa xestión laboral (nóminas, contratos, altas e baixas da Seguridade Social…), fiscal e contábel, tanto para empresas (impostos, facturación, etc) como para particulares (declaración da renda, xestión de seguros, etc). IPR Xestión traballa en Cerceda desde o ano 1995  mais teñen clientes de toda a provincia coruñesa.

 

Rocío explícanos que no seu ámbito teñen certas dificultades para poderen ofrecer algúns dos seus servizos en galego, mais iso non é impedimento para que desde os comezos procurasen sempre un xeito de facelo. De feito, todos os seus servizos e a documentación que emiten para os seus clientes está sempre escrita en galego, a non ser que se lles solicite outra cousa. Por exemplo, coméntanos que desde o primeiro día emitiron as nóminas para os seus clientes en galego, mais nos primeiros tempos tiveron que facelo dun xeito máis ben manual, traducindo eles mesmos os modelos, mais conseguiron que a empresa (de Sevilla) que lles fornece o programa co que fan a xestión laboral puxese en funcionamento tamén unha versión en galego.

 

Rocío coméntanos que Abertos ao Galego é unha ferramenta útil en moitos sentidos, mais valora especialmente o seu significado como espazo para a reflexión sobre o papel do galego en moitos ámbitos da nosa vida como consumidores e usuarios. Considera que para a supervivencia da nosa lingua é imprescindíbel que cada persoa poida e procure darlle toda a naturalidade ao seu uso, polo que agradece que iniciativas como estas dean a coñecer o traballo de empresas que, cada unha na medida das súas posibilidades, contribúen a crear esa normalidade.

 

Desde hoxe, IPR Xestión oferta aos socios e socias da Mesa pola Normalización un desconto dun 20% en todos os seus servizos agás os seguros.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría as novidades das empresas de Abertos ao Galego, descontos | Leave a comment

Novidades de Aira das Letras: novo libro para o clube de lectura e sorteo dunha fin de semana en Porto

Os amigos de Abertos ao Galego da libraría Aira das Letras, de Allariz, cóntannos que o libro deste mes do seu clube de lectura é Madeira de Mulher. Contarán coa presenza da autora, Adela Figueroa, o que é un argumento máis para animarvos a participar do clube.

Andan tamén estes días en Aira das Letras co sorteo dunha fin de semana en Porto para os amigos da libraría. Pódese participar até o día 29 de febreiro, aquí tedes as bases: http://airadasletras.com/central/110515wp/2012/02/sorteo-fin-de-semana-en-porto/

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Unha nova incorporación a Abertos ao Galego: Tórculo

Desde esta semana temos con nós á empresa de artes gráficas Tórculo. Tórculo é unha empresa compostelá con máis de 25 anos de experiencia, mais que tamén ten entre os seus obxectivos o da innovación e incorporación de novas tecnoloxías.

Un dos proxectos nos que están a traballar recentemente é MeuBook. De MeuBook falarémosvos máis adiante da man dos amigos de Tórculo, mais polo momento deixámosvos a súa páxina para que o coñezades: http://www.meubook.com/

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Presentación na Libraría Torga de Ourense: Bandeiras da Galiza, de José Manuel Barbosa

Este venres 20 de xaneiro, José Manuel Barbosa presenta a segunda edición do seu libro Bandeiras da Galiza, ás 19.30 na libraría Torga (Rúa da Paz, 12, en Ourense).

O acto vai ser presentado polo historiador Francisco Carballo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Novidades de Aira das Letras: presentación dos novos libros de Riveiro Coello

Este sábado ás 20.00, Antón Riveiro Coello presentará en Aira das Letras os seus últimos libros O paso do esquecemento (libro infantil editado polo Centro da Cultura Popular do Limia) e Laura no deserto (novela editada por Galaxia).

Tamén informan que, grazas a un acordo con Correos, agora fan envíos de pedidos sencobrar os portes. Aquí tedes máis información: http://airadasletras.com/central/110515wp/contacta-con-nos/pedidos/

Ademais, queremos darlles os parabéns, porque xa son máis de 1.000 amigos de Aira das Letras. Din desde a libraría que están a preparar unha festa para celebralo, da que informarán en breve.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría as novidades das empresas de Abertos ao Galego | Leave a comment

Catálogo de nadal de Abertos ao Galego: tédeo en conta para os vosos agasallos!

Xa está dispoñíbel o catálogo de nadal de Abertos ao Galego. Trátase dunha pequena listaxe de suxestións de agasallo para este nadal, que recibimos de parte das empresas de Abertos ao Galego.

Un dos obxectivos deste catálogo é mostrar o traballo que fan as empresas participantes en Abertos ao Galego. Abertos ao Galego conta actualmente con máis de 60 empresas de ámbitos moi diferentes, e neste caso contamos con propostas de comerciantes e fabricantes que destacan polo uso do galego na súa actividade empresarial.

Desde a moda de Ela Diz en Santiago de Compostela, até as camisolas de Nicetrip (A Coruña) ou Caramuxo, pasando polos comics de Demo Editorial ou a decoración de Andrómenas, a proposta que vos ofrecemos quere lembrar nestas datas que é posíbel escoller agasallar na nosa lingua.

Podedes visualizar o catálogo Aquí

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Empresas Abertos ao Galego, Nós | Leave a comment

Presentación do novo disco de Sés na Libraría Pedreira

A libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55, Santiago de Compostela) acolle a presentación do disco de Sés Admirando a condición, o próximo xoves 15 de decembro ás 20.00 horas. A entrada é de balde.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment